O presente master está participado por 14 universidades españolas no seu primeiro ano, ás cales se lle suman varias universidades europeas no seu segundo ano. Ademais, o deseño do master contempla que todos os estudantes reciban a maior parte das materias impartidas polo mesmo corpo docente. Xunto a iso, búscase que os estudantes das distintas universidades interaccionen entre si para que se cren lazos que nun futuro poidan dar lugar a colaboracións e estreiten o sentimento de comunidade dentro dos investigadores que se dedican ao desenvolvemento da Química Teórica e a Modelización Computacional.
Por todas estas razóns, na impartición deste master conviven distintos tipos de docencia, todas elas recollidas no documento de horarios e, que de forma xeral, seguen a seguinte clasificación:
Primeiro ano
Clases virtuais por videoconferencia para todo o estudantado
Impartiranse ao longo dos dous cuadrimestres. Empregarase unha plataforma de teledocencia e os estudantes accederán desde os seus computadores nos seus lugares de orixe.
Clases presenciais locais
Impartiranse de forma local parte da materia de Laboratorio en Química Teórica (LQTA) e a materia de Lingua Estranxeira. Serán clases presenciais ás que cada estudante asistirá na súa universidade de orixe. Os horarios serán acordados cada ano entre o Coordinador Local e os estudantes.
Clases intensivas
Ao longo de distintos períodos dos dous cuadrimestres todos os estudantes de todas as universidades do master desprazaranse a unha determinada sede e asistirán a clases intensivas impartidas por profesores desprazados a tal fin. Estas clases pódense dividir en tres grandes bloques:- Bloque 1: 2 semanas que se impartirán na Universidade Autónoma de Madrid. As datas poden sufrir lixeiras variacións dependendo do ano, pero a título orientativo este primeiro bloque de docencia adoita ocupar a última semana de setembro e a primeira de outubro.
- Bloque 2: Curso intensivo de 3 semanas. A sede deste curso é rotatoria entre as universidades españolas participantes no máster, cambiando cada ano. As datas poden sufrir lixeiras variacións dependendo do ano, pero a título orientativo este segundo bloque de docencia adoita ser as últimas semanas de xaneiro e a primeira de febreiro. Neste segundo bloque impártense o groso das materias obrigatorias do primeiro ano do máster.
- Bloque 3. Este bloque corresponde a materias optativas do máster e pode constar de 2, 3 ou 4 semanas dependendo do número de materias optativas que o estudante curse. A sede deste bloque é as instalacións da ZCAM en Zaragoza. As datas cambian co ano ademais de con as materias para cursar. Son bloques de 1 semana por materia que poden coincidir entre mediados de marzo e mediados de maio (para unha información máis concreta véxase o ficheiro cos horarios de cada ano).
Segundo ano
Clases Intensivas
Curso intensivo dun mes que se imparte durante o mes de setembro. A sede é rotatoria e pode ser algunha das universidades europeas que participan no segundo ano do máster.
Traballo Fin de Máster
Traballo de investigación que pode realizarse na Universidade local ou nalgunha das universidades que participan no máster. Ocupa o segundo cuadrimestre do segundo curso.